7.7.08

Rubén Ruibal. Limpeza de sangue (o sangue fai ruído)

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), IGAEM / Xerais, Vigo, 2006.

Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais (2005). Premio Nacional de Literatura Dramática (2007).

FERNANDO: Así é que nos envelenariamos coa nosa propia merda. Morreriamos, ¿non? E daquela, digo eu, que o que lle facía falta ao mundo era unha diálise pero cun maquinucho ben ganso para que tivésemos que pasar todos por el, e aos cabróns xa os pillaba a máquina e os mandaba a tomar polo cu, eu incluído (p. 108).

A obra artéllase arredor da vida dos protagonistas Fernando e Pantaleón, que acaban facéndose amigos nunha sala de hemodiálise. Ó principio nin se caen ben, e antes non se coñecían de nada; nin sequera pertencen á mesma clase social: Fernando é un ex ionqui parado que vive do esforzo da súa muller; Pantaleón é un home con estudos, cun bo nivel de vida, mellorado economicamente por vender a súa sinatura para legalizar negocios sucios. Pero os problemas de saúde obríganos a compartir espazo, tempo, confidencias e preocupacións. Tamén os levan a un cambio de actitude ante a vida.

Canda estes dous protagonistas camiñan polos escenarios outros personaxes ata completaren as dúas ducias, se incluímos un par de cans que comparten cos humanos algo máis que o hábitat. Entre todos eles temos representantes do mundo da droga e da delincuencia, da corrupción urbanística, da medicina, das pompas fúnebres, da policía, do servizo doméstico... Algúns deles preséntansenos coa nobreza persoal e da profesión, pero os outros amosan o seu lado máis mísero: xutes, atracos, envexas, certificacións fraudulentas, traballos sucios de pago, subornos, ameazas e avisos, a saúde como mercadoría, desprezo pola vida allea...

Os personaxes van coñecéndose uns ós outros e van entretecendo de paso a dobre vida que levan e os conflitos que isto lles crea ó longo de 31 escenas, algunha delas sen diálogo.

A sala de diálise é o escenario máis frecuentado, mais tamén vemos os personaxes na consulta de don Luís, na cafetería e na sala de espera do hospital, no parque público, nunha rúa de mala morte, na marquesiña do bus, na sala de interrogatorios da comisaría, na vella sala de estar da casa de Fernando, na luxosa casa de Pantaleón, na morgue e, derradeiramente, na sala de velorios... onde, se Deus dá vida e saúde, acabaremos todos.

A familiaridade coa que algúns personaxes falan de escenarios concretos da Coruña lévanos a pensar nesta cidade como unha especie de escenario xeral, aberto, no que vivir e moverse.

A mensaxe final:

Alguén empeza a chorar e un tras outro van aendo todos, botando cada un as súas no mesmiño regueiro de bágoas dos derrotados, ese río que non cesa nin con mortes nin con guerras nin con revolucións nin moito menos con cambios de milenio, é sabido que tanto confiar en que o tempo vai amañar as cousas fai que deixemos que pouco a pouco vaian indo a peor (p. 170).

Lemos sobre a obra:

"Realismo sucio e sangue limpo", crítica de Inma López Silva no portal do Consello da Cultura.

O propio autor reflexiona sobre obra en uvigotelevisión (de onde está tomada a foto). Tamén comenta aspectos da intrahistoria da peza no seu blog Alicia crece.

En Brétemas fáisenos unha viva recomendación da obra.

Noticias do autor e da obra por mor do galardón (citamos só algunhas das que dan a nova algo máis que a secas) atopámolas en El Mundo, El País, Actualidad.terra.es, Ideal.es, 20 minutos publica unha entrevista, La Vanguardia, El Confidencial, Deia, Actualidad Orange, Vieiros liga -polo de agora- media ducia de artigos sobre o autor e a súa actividade teatral, La Opinión de A Coruña...

Hai unha pequena ficha do autor na Wikipedia.

Capa do libro en Alicia crece.

Ningún comentario: