29.11.13

Goretti Fariña. Orlando pendurado

Goretti Fariña colga o seu personaxe dun arnés e bótao a repasar a súa vida nesa situación perigosa,
incómoda, ridícula e irresoluble sen axuda externa. Por se a cita do Quixote que encabeza esta novela curta non fose aviso dabondo, a descrición do primeiro parágrafo non lle deixa ao lector ningunha dúbida sobre o carácter do personaxe que ten diante: “cordeiro perseguido”, alma condenada”, “inmediata vítima dun pelotón de fusilamento” (p. 9).
Sen outra que esperar polos rescatadores, o coitado debulla o que foi a súa vida e matina no rumbo que lle quere dar. En situacións límite afloran os bos propósitos e o Orlando pendurado fai a promesa de retomar a súa vocación sacerdotal; pero faino nun momento en que debería estar pensando en asumir unha posible paternidade. Avisados estamos de que o pensamento do protagonista non se guía polo sentido común, senón polo que digan os “sinais” que non sempre son doados de interpretar. Nin sequera a vidente --que pensa ter diante un rapaz algo papaleisón-- llos dá explicado ao seu xeito.
Ao longo do repaso vital, o lector vai acompañando a un Orlando namorado que entrenza a súa vida coa de Alexandra sen daren chegado a constituír unha única corda. Xúntanse dous mundos que non se poden apariguar: o interior e a costa, o campo e o mar; dúas culturas, dúas formas de pensar, dous xeitos de ver a vida que a parella é incapaz de facer canxar. No hábitat dun non enraíza o outro.
Orlando e Alexandra son vítimas da época que vivimos. Época que so pode describir aplicándolle a crítica negativa das receitas da nouvelle cuisine: exceso de literatura para agachar a escasa enxunlla.
A autora fai unha ampla análise desta sociedade na que se non se é o rei ou raíña de algo acábase en simple matadiño. O bsiturí do humor e da ironía non deixa febra sen diseccionar: crenzas, política, corrupción, deterioro demográfico, relacións de parella…
O Orlando namorado vai mirrando e xorde no seu lugar un Orlando furioso, que non se soporta a si mesmo e envexa a vitalidade e o optimismo da súa parella. Cando Alexandra lle comunica a súa decisión de romper a relación, reacciona dándolle unha tunda. Iso si, asegurándose de que non haxa testemuñas na contorna.

Sitiografía


Goretti Fariña, Orlando pendurado. Vigo, Xerais, 2012.

Ningún comentario: