3.12.13

Francisco Castro. O segredo de Marco Polo

Imaxe: A canción do náufrago
Francisco Castro lévanos nesta novela á Venecia do século XIII na que vive, se instrúe e padece o protagonista, fillo biolóxico do célebre Marco Polo. Isto último non o saben o lector nin o protagonista ata ben avanzado o relato; para todo o mundo, o protagonista é fillo do Primo Xeneral do Dogo, é dicir, un mozo de boa familia, relacionado coa mellor sociedade daquela potencia militar, económica e cultural que foi a Serenísima República de Venecia. Marco está predestinado por nacemento a seguir un camiño marcado co que non está conforme. A vida militar non lle acae; servir á patria vén ser servir, e mesmo dar a vida, polo capricho e os intereses dos que mandan; os valores da milicia non lle parecen, nin na paz nin na guerra, tan enriquecedores coma os da unha vida viaxeira. En suma, Venecia é demasiado pequena comparada co mundo que Marco devece por percorrer.
A vida amorosa do protagonista tamén se lle converteu nun purgatorio particular. Namorouse dunha sobriña do Dogo, orfa de pais. O amo da república tamén actúa como dono da rapaza e concertará o seu matrimonio con quen mellor lle conveña. Para Marco semella un obxectivo demasiado alto. Pero, malia algunha malleira correctiva que o deixa baldado, Marco dará atopado cos axudantes axeitados para lograr un final da historia tan inesperado como feliz.
A parella protagonista presenta aspectos comúns: a orfandade; a figura da nai suplida por unha abnegada serventa; o pai (ou substituto), máis verdugo ou explotador que protector. A férrea man da figura paterna é a encargada de levar os seus vástagos ao destino que lles deparou a fortuna. Aos fillos só lles corresponde atender á formación adecuada para o seu correcto cumprimento: á rapaza para un casorio conveniente e o mozo para altas glorias militares.
O espírito de rebeldía que presentan os protagonistas non parece abondo para superar esta situación, pero van recibir a axuda dos que actúan como pai e nai na sombra que comparten cos mozos a preferencia polos sentimentos sobre as convencións sociais.

Sitiografía


Francisco Castro, O segredo de Marco Polo. Vigo, Galaxia, 2010.

Ningún comentario: