3.4.16

Sonetos á Casa de Hortas (de Manuel María). Miniquest

http://stellae.usc.es/phpwebquest/miniquest/soporte_tablon_m.php?id_actividad=808&id_pagina=1
Propomos esta actividade -Sonetos á Casa de Hortas (de Manuel María). Miniquest- como exercicio para achegármonos á Galicia de cultura rural e, en concreto, á casa chairega. En realidade son dúas propostas as que estamos a facer. Por un lado, a lectura dun poemario. Por outra, usar esa lectura para botar unha ollada a outras cuestións de carácter etnolóxico.
No “Aviso cecais innecesario ou cecais non” que abre Sonetos á Casa de Hortas, Manuel María dános as claves principais da intrahistoria deste poemario. A maior parte dos sonetos (40) son de 1991 e a primeira edición da obra, que conta con 50, data de 1997. Tamén nos conta as circunstancias persoais que provocaron a enxurrada poética, así como a consciencia de estar facendo a memoria literaria dun “xeito de vida que desapareceu -e con ela toda unha cultura ancestral- xa antes de morrer o século XX e de estrear novo milenio”.
Este poemario inscríbese no grupo de obras de Manuel María que seguen unha liña paisaxista (como Terra Chá, por exemplo). Isto non significa ausencia de compromiso coa xente ou coa terra. Tamén neste caso, “o poeta expresa o seu canto a unhas terras e a unhas xentes que pesan moito na súa vida e no seu corazón” [López Foxo, 2010: 18]. A diferenza con outras obras é o motivo que fai abrollar a expresión poética, moi persoal nestes sonetos. Pero iso non lle impide manifestar o mesmo sentimento de enraizamento na terra sempre presente na obra de Manuel María.
A lectura dos sonetos vainos ofrecendo unha lección de etnografía sobre a importancia da casa no rural galego: situación, construción, estética, distribución, terreos lindantes e construcións auxiliares, recursos económicos, habitantes… En síntese, unha descrición dese mundo completo e complexo que representa a casa na cultura rural.
Etnólogos e antropólogos deixaron escrito que a casa é máis importante que a familia que a habita, e o desexo dos que se van indo é que medre e perdure. Manuel María deixouno escrito en verso.

Sobre a obra
Bibliografía
  • López Foxo, M. (2010): Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995). A Coruña, Laiovento.
Dictiografía

Manuel María, Sonetos á Casa de Hortas. A Coruña, Espiral Maior, 1997. Hai edición recente (2014) feita pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

Ningún comentario: