21.3.17

O Pergamiño Vindel

Imaxe da Galipedia
A prensa recolle cun certo alborozo a confirmación da presenza do Pergamiño Vindel na exposición Berce da nosa cultura, organizada pola Universidade de Vigo. O documento, dende a súa descuberta en 1914, deu unhas cantas voltas polo mundo, coma un emigrante máis, ata sentar cabeza en The Morgan Library & Museum de Nova York. Das reviravoltas que teña dado antes de que o descubrise Pedro Vindel sabemos aínda menos que do seu autor. Se houbo algunha posibilidade de que o documento quedase no país, podemos dala por definitivamente perdida. Moitas voltiñas tería de dar o mundo para que os actuais propietarios se desfixesen desta xoia. Así que, unha visita de turista non é pequeno acontecemento.
Do fundador da Morgan Library sábese moito. A John Pierpont Morgan dedícalle parte dun capítulo Philipp Blom no libro El coleccionista apasionado. Una historia íntima. Nesta obra reúne Blom unha morea de personaxes poderosos, ricos e coleccionistas compulsivos. A Pierpont non o trata con moita conmiseración. O primeiro que nos presenta é o seu nariz que, de vello, “había crecido hasta alcanzar proporciones grotescas”(p. 165). Cómpre sinalar que foi por enfermidade e non por vicio. Pierpont viviu con mala saúde. Tampouco foi afortunado en cuestións afectivas e, de mozo, padeceu unha ampla, viaxeira e ríxida educación. Resultoulle moi útil para preparalo como home de negocios e permitiulle descubrir, asemade, a riqueza artística da vella Europa. Ao contrario que a saúde, as finanzas case que non lle puideron ir mellor. O magnate tivo por competidores a persoeiros como William Randolph Hearts, John D. Rockefeller, Andrew Carnegie, Benjamin Altman… e uns poucos máis destas feituras, con diñeiro a esgalla e un apetito feroz para comprar todo canto de valor cultural estivese á venda en Europa.
O pergamiño que contén as cantigas de Martín Codax, que hoxe enriquece os fondos da Morgan Library, descubriuse o ano seguinte ao do falecemento do fundador. Como se ve, os sucesores, ademais da riqueza, tamén herdaron o olfacto para estes asuntos. Se cadra, o lerio da cultura só é mal negocio para os pobres de peto e sen espírito.
Benvido sexa o Pergamiño Vindel, que nada (de non ser a morte) nos impedirá gozalo o tempo que estea entre nós.
Parabéns para os organizadores da exposición.

Algunhas noticias sobre o pergamiño Vindel:

Ningún comentario: