24.9.17

Apreciada Carmela, cuando vuelva le daremos un poco más de altor a la casa

Ilustración: Alberto Fernández García
“Apreciada Carmela, cuando vuelva le daremos un poco más de altor a la casa para que se jodan los vecinos”.
***
Cóntanolo Neira Vilas no relato “Dous compañeiros”. Dous veciños que non se coñecían, pero que o destino xuntou no mesmo barco. Un deles iniciou estudos de náutica, o outro é analfabeto e pídelle ao veciño que lle escriba as cartas para a muller. A situación e o texto, se non fosen tan tristes, darían risa. Chócanos a ansia do iletrado por “encher de palabras as dúas caras daquel papel”. Tamén resulta evidente o distanciamento afectivo do saúdo, quizais provocado pola presenza do amanuense intermediario ou pola falta de dominio da lingua da comunicación escrita, que non é a mesma que a que manifesta os sentimentos. Cousas do progreso. En calquera caso, a necesidade de comunicación entre o matrimonio vai parella coas súas necesidades económicas.
Malia a baba salitrosa que solta o protagonista, non expresa senón un trazo antropolóxico de calquera galeguiño: a casa debe medrar. Mais neste caso esvara no criterio. Non importa o progreso persoal ou familiar que se faga visible na casa; tampouco que o “altor” sexa necesario ou estético. O que persegue o tipiño é “que se jodan los vecinos”. Tan capaz de lle dar un alto á casa para taparlle as vistas ao máis próximo e, de paso, dicirlle ao resto: “xeringádevos, mortos de fame, decataivos de que son home de posibles”. Neira Vilas adorna o personaxe con outros detalles que nolo fan ver como un individuo que non hai por onde collelo. Mellor telo lonxe e que Deus nos libre de que alguén así chegue a concelleiro ou alcalde.
Moitos escritores do país manifestaron este desexo pero, como dixo Rosalía, Deus estaba tan alto que non os oíu. Así que esta caste de xente, de máis carne ca óso, con carreiras universitarias e expedientes brillantes, que se guían polo lema “que se jodan”, navegan sen se mollaren polos elegantes mares das institucións e aplauden medidas que recortan o benestar dos mandados sen sentiren o máis mínimo remorso. Para iso non fai falla ser analfabeto nin galego.
A literatura, mesmo a máis realista e comprometida, só recolle unha migalla da cruel realidade.

Xosé Neira Vilas, Os papeis do vello mariñeiro. Compostela, Bolanda, 2017. Ilustracións de Alberto Fernández García.

Ningún comentario: